FEIRA FRANCA MEDIEVAL DE BETANZOS

A primeira Feira Franca Medieval de Betanzos tivo lugar en Betanzos en xullo do ano 1998. Veuse celebrando de xeito ininterrumpido no segundo domingo do mes de xullo  e toda a fin de semana correspondente dende aquela polo que no presente ano 2018 terá lugar a súa XXI Edición.

Trátase, sen dúbida, do proxecto de máis impacto económico e social nos últimos anos en Betanzos. Pódese dicir que o seu crecemento foi espectacular, en gran medida pola gran implicación,  tanto do propio Concello (organizador do evento dende o principio), como das asociacións e a poboación betanceira e da comarca en xeral.

A idea de realizar unha Feira Franca Medieval en Betanzos xorde como consecuencia da aplicación da historia (Betanzos tiña unha feira que duraba todo o mes de novembro, alá polos séculos XIV e XV) e para acadar basicamente tres obxectivos:

  • Poñer en valor todo o patrimonio histórico-cultural que encerra o Casco Histórico dunha cidade que chegou a ser capital do Reino de Galicia, e que está composto por innumerables elementos tanto de carácter relixioso como civil, e que ademais foi declarado conxunto histórico-artístico polo Decreto 3850 do ano 1970. Enténdese este como o primeiro paso para acadar unha desestacionalización do turismo, tratando de potenciar unha variante cultural que visite Betanzos durante as épocas de “tempada baixa”.
  • Tratar de potenciar o comercio e a instalación de novos negocios nesta zona da cidade, que foi de sempre a zona máis comercial desta, e na que o paso do tempo e a falta de espírito de rehabilitación dos edificios privados, fixeran mela nos últimos anos.
  • Lembrar a historia de Betanzos aos betanceiros e darlla a coñecer aos visitantes.

 

Partindo destes principios a Feira Franca Medieval de Betanzos foi evolucionando no tempo incorporando elementos tanto a nivel de representación como de organización e estructura.

O Concello de Betanzos foi ademais invertindo pouco a pouco en facerse con un fondo de materiais que se empregan exclusivamente nesta celebración. Os estandartes e teas que decoran as rúas do Casco Histórico de Betanzos nos días previos e durante a propia Feira son propiedade desta administración e ano a ano vanse incrementando e substituindo os deteriorados por outros novos. O Concello de Betanzos conta tamén con perto de 200 traxes de época que se empregan para a realización das escenas por parte dos voluntarios. Elementos como a zorra (carro empregado na expulsión dos leprosos) ou os distintos aparellos e armamento necesarios para a realización dun torneo medieval a cabalo son tamén propiedade do Concello de Betanzos.

Por outra banda o número de rúas adicadas ao evento foi medrando en función do crecemento deste e os esforzos organizativos tiveron tamén que incrementarse de xeito proporcional. Con todo isto e partindo das limitacións económicas propias dunha administración do tamaño do Concello de Betanzos foise chegando á situación actual da Feira Franca Medieval.

Quizais a base do éxito sexa que durante a Feira Franca se representan escenas da propia historia betanceira e faise coa  colaboración e a participación case que exclusiva das asociacións e os habitantes da nosa cidade. É dicir,  eles fan de actores, de bailaríns, de nobres, de campesiños, de leprosos, etc, sen que interveña ningunha compañía de teatro profesional nestas representacións.

O Concello de Betanzos proporciónalles, evidentemente, tanto os atavíos e instrumentos necesarios, como os monitores que ensaian con todos eles as distintas representacións.

Por outra banda, as rúas e os balcóns dos edificios do  Casco Histórico de Betanzos son engalanados con teas e estandartes que representan os escudos das familias betanceiras do baixo medievo, e todo se dispón nesas datas para que adentrarse neste sexa o máis parecido posible a unha viaxe ao pasado máis esplendoroso da cidade.

BATALLA DAS FIGUEIRAS

No segundo día son tres as representacións históricas fundamentais. A primeira delas a pesar de non corresponder á época en cuestión é moi importante porque representou unha das primeiras actuacións en Galicia da Reconquista. Tivo lugar a mediados do século VIII  e representa a negativa dos nobres e dos plebeos a entregar ás tropas do rei musulmán Mauregato as cen doncelas que este requiría cada ano.

A negativa desembocou nunha cruenta batalla na que venceron os betanceiros empregando como armas incluso pólas de figueira, de aí que esta sexa coñecida como a Batalla das Figueiras. Mesmo, e para ser fieis á historia, representamos a negociación entre ambos os bandos e os bailes mouros típicos daquela época empregados para recibir as tropas musulmanas.

CARREIRA DE BOCOIS

Outro dos feitos históricos que se recrean é o do incendio da cidade no ano 1569. Conta a historia que nese incendio as familias betanceiras trataban desesperadamente de salvar os seus trastes das lapas. Un dos bens mais aprezados na época eran os bocois de viño, polo custo que tiñan e a laboriosidade que requiría a súa fabricación. Pois ben, nós representamos ese feito histórico dun xeito entretido cunha carreira de bocois de viño na rúa mais emblemática de aquela época (a rúa Travesa). Nesta escena participan uns 20 voluntarios entre os corredores e os músicos que a animan.

ESCENA DO SÉQUITO

A Feira Franca Medieval de Betanzos comenza de xeito oficial representando a chegada do Señor de Andrade á cidade. Nesta escena faise referencia á concesión  no ano 1465, por parte do rei Enrique IV de Trastámara  a Betanzos, do título oficial de CIDADE e  á concesión  no   ano  1467  do  privilexio  de  poder  realizar unha Feira Franca  cada ano no mes de novembro. É máis que probable que esta Feira sexa o soporte do que xordan  as bases sobre as que posteriormente se instaurou a actual feira que cada día 1 e 16 ten lugar en Betanzos.

A realización desta escena supón a movilización de case que 100 voluntarios (Señor de Andrade e  a súa dona Sancha, os membros do seu séquito a cabalo, as bailarinas que interpretan unha danza nobre, unha danza nobre e unha danza campesiña, os nobres que o acompañan, os plebeos que chegan dispostos a facerlle as súas reivindicacións, o acompañamento musical, etc.). Os ensaios previos comenzan no mes de maio (o que pode dar unha idea da laboriosidade que require).

EXPULSIÓN DOS LEPROSOS

Na terceira xornada prodúcese quizais a escena máis complexa de todas, que recrea a peste a as doenzas que asolaron a cidade no ano 1381, e que conclúe cunha representación da expulsión dos leprosos da mesma.

O percorrido dunha impresionante parella de bois tirando do carro que transporta aos leprosos, as fuxidas destes e as posteriores detencións dos mesmos por parte dos campesiños fan as delicias dos espectadores por todo o Casco Histórico. Os enfermos son expulsados dos límites da cidade en dirección ao barrio da Madalena onde naqueles tempos estaba situada unha leprosería.

Os traballos de maquillaxe dos voluntarios que fan de leprosos así como as medidas de seguridade no percorrido dos bois e as continuas fuxidas e detencións dos enfermos fan desta escena a máis complicada e laboriosa de toda a fin de semana.

REVOLTA IRMANDIÑA

A Revolta Irmandiña trata de representar como os habitantes de Betanzos e a súa comarca (tanto nobres coma plebeos) se rebelan contra o señor feudal da época, Nuno Freire de Andrade “O Malo”, pola excesiva dureza coa que este trataba aos seus vasalos.

Esta revolta foi liderada no caso de Betanzos por Alonso de Lanzós que encabezou un ataque contra o Castelo do señor feudal, situado en Pontedeume. Para dar entrada a esta escena o Grupo Azougue da Escola de Folclore do Concello de Betanzos representa cada ano algunha danza con contido histórico.

O concello de Betanzos suspende a XXXII feira franca medieval para garantir a seguridade frente ao virus.

Por responsabilidade, o concello de Betanzos toma esta “medida excepcional ante unha situación sobrevida que precisa un esforzo colectivo e que seguirá exixindo unha importante resposta das administracións e de toda a cidadanía en diferentes ámbitos”.